Extraterrestre
| Extraterrestre | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| Wikidata C:Commons |
Suxeriuse que este artigo ou apartado sexa fusionado con "vida extraterrestre" (conversa). Para realizar a fusión das páxinas segue estes pasos. |
Un extraterrestre é un hipotético ser vivo orixinario de fóra da Terra.[1] O termo pode referirse tanto a formas de vida simples, como microorganismos, como a seres intelixentes ou civilizacións doutros mundos.
Evidencia e investigación científica
[editar | editar a fonte]Até o momento non se confirmou a existencia de vida extraterrestre nin hai probas fiábeis de que seres extraterrestres visitasen a Terra.[2] Porén, a procura de vida fóra da Terra é un campo científico activo, especialmente dentro da astrobioloxía, que estuda a orixe, evolución, distribución e futuro da vida no universo.[3]
A busca de vida extraterrestre inclúe o estudo de Marte, dos mundos oceánicos do Sistema solar, como as lúas xeadas Europa e Encélado, e dos exoplanetas e as súas atmosferas. A investigación céntrase sobre todo na procura de indicios de habitabilidade planetaria e de biosinaturas, especialmente asociadas a formas de vida simples ou microbianas, consideradas máis probábeis. Para afirmar que se atopou vida noutro mundo cómpre reunir varias liñas de evidencia e descartar explicacións non biolóxicas.[4]
A dificultade de contactar con civilizacións extraterrestres acostuma ser formulada mediante a ecuación de Drake, proposta polo astrónomo Frank Drake en 1961, que estima o número de civilizacións da Vía Láctea capaces de emitir sinais detectábeis a partir de factores como a formación de estrelas, a existencia de planetas habitábeis, a aparición de vida intelixente, o desenvolvemento de tecnoloxía comunicativa e a duración desas civilizacións.[5]
Unha rama específica desta investigación é o SETI, dedicado á procura de sinais artificiais que puidesen indicar a existencia de intelixencias extraterrestres, especialmente mediante a observación de emisións de radio ou de sinais ópticos, como pulsos de láser.[6]
Os seres humanos tamén enviaron ao espazo mensaxes e obxectos destinados a posibles civilizacións extraterrestres, como o disco de ouro das Voyager, que contén sons e imaxes da Terra.[7]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]Os extraterrestres son personaxes habituais da ciencia ficción, onde adoitan aparecer como visitantes doutros planetas ou como membros de civilizacións tecnoloxicamente avanzadas. Nas obras de ficción poden representarse de maneira moi diversa, desde seres pacíficos ou curiosos até ameazas hostís para a humanidade.

Na linguaxe popular, ás veces emprégase o termo «marciano» como sinónimo coloquial de extraterrestre ou habitante imaxinario de Marte, aínda que un extraterrestre non tería por que proceder dese planeta.[8]
Personaxes simbólicos e metafóricos
[editar | editar a fonte]En inglés, a palabra alien pode significar tanto "extraterrestre" como "estranxeiro" ou "non cidadán" en determinados contextos dos Estados Unidos de América.[9] Esta polisemia ou ambigüidade levou a que a partir deste concepto se creasen novelas, filmes, series de televisión e outras obras dun xeito indirecto e politicamente correcto para falar de inmigrantes nos EUA, e fixo que algunhas obras de ciencia ficción ou fantasía, como Alien, E.T. the Extra-Terrestrial, Alf, Men in Black, War of the Worlds etc., fosen interpretadas tamén como metáforas sobre a diferenza ou a alteridade.[Cómpre referencia]
Seres relacionados
[editar | editar a fonte]Tamén existen outras teorías e obras de ficción que afirman que existen seres dentro da terra, os chamados "intraterrestres" que habitarían nas profundidades do noso planeta dende millóns de anos antes que aparecera o home das cavernas.[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "extraterrestre". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2026-04-28.
- ↑ "About Astrobiology". NASA Astrobiology (en inglés). Consultado o 2026-04-28.
- ↑ "Extraterrestrial life" (en inglés). Encyclopaedia Britannica. Consultado o 2026-04-28.
- ↑ "La búsqueda de vida más allá de la Tierra". NASA (en castelán). Consultado o 2026-04-28.
- ↑ "Commemorating the Anniversary of the Drake Equation" (en inglés). NASA. 2022-11-02. Consultado o 2026-04-28.
- ↑ "A Primer on SETI at the SETI Institute" (en inglés). SETI Institute. Consultado o 2026-04-28.
- ↑ "El disco de oro: Los sonidos de la Tierra; Obsequios de las Naciones Unidas". Nacións Unidas (en castelán). Consultado o 2026-04-28.
- ↑ "marciano". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2026-04-28.
- ↑ "Alien" (en inglés). Legal Information Institute, Cornell Law School. Consultado o 2026-04-28.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Extraterrestre |